Thursday 02 de May de 2024

O San Paio de Ferreira estrea o día 24 a temporada festeira do verán


A parroquia de Ferreira celebrará o sábado 24 de xuño a primeira grande festa do verán, o San Paio, poñendo en práctica ese formato que tanto éxito está tendo ultimamente de xuntar toda a veciñanza nun mesmo lugar para pasar o día. E quen di veciñanza, di calquera persoa que queira achegarse gozar de música e dun xantar popular ao mediodía, dunha chea de actividades pola tarde e troula de novo pola noite, incluídos petiscos para non desfalecer. O prezo xeral do prato -que inclúe liscos e chourizos pola noite- son 30 euros. Os tíckets poden mercarse ou reservarse ata o día 17.

O San Paio de Ferreira de abaixo terá lugar na pista do local social da Seara e comezará ás 13:00h coa misa na honra do santo seguida de procesión, foguetes e sesión vermú coa orquestra Montreal.

Logo, sobre as 15:00h, servirase un xantar a base de paella, churrasco, sobremesa, café e bebidas (menú infantil con pizza) ao prezo de 30 euros as persoas adultas, 10€ a rapazada de 7 a 12 anos e de balde para as crianzas ata 6 anos de idade.

A cativería tamén gozará pola tarde de animación infantil, hinchables, festa da espuma, a actuación de Pakolas e do picadiscos DJ Sebas. Ademais, segundo se adianta no cartel anunciador, durante a xornada hai previstos varios sorteos de agasallos.

Á noite tamén haberá posibilidade de cear chourizos e liscos con pan co obxectivo de recuperar forzas de cara a unha verbena na que volverá tocar a orquestra Montreal. Estes petiscos van incluídos no tícket da comida de mediodía, mentres que as persoas que só vaian á festa nocturna deberán pagar 6€ por ración.

As reservas para o xantar popular poden facerse mercando os boletos no Café Bar del Palacio ou no Bar Ferreira. Tamén se pode chamar aos dous teléfonos facilitados pola comisión: o 669 287 134 (Vanesa) ou o 696 880 044 (Rocío). O último día para gardar sitio é o 17 de xuño.